Tuesday 14 de May de 2024

O pleno de Oroso aproba provisionalmente a modificación puntual Nº 5 do PXOM


O alcalde destacou que a proposta conta co visto bo dos técnicos e da Xunta e que mellorará a calidade de vida dos veciños

O pleno municipal de Oroso aprobou provisionalmente a modificación puntual Nº 5 (Enlace AP-9) do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Oroso. O pleno resolveu as alegacións presentadas durante o novo período de exposición pública que se abriu a raíz da aprobación en xullo dunha emenda presentada pola Xunta de Galicia, que reclamaba que se compensase a zona verde que se perdía no polígono con motivo da construción do enlace sur da AP-9 en Sigüeiro.A proposta foi aprobada cos 8 votos a favor de PSOE e BNG e cos 5 votos en contra do PP e Anova.

O alcalde, Manuel Mirás, volveu insistir en que “todos os informes sectoriais están claros e completos. A Consellería, que é quen dá o visto bo á modificación, tan só dixo que tiñamos que conseguir tantos metros de zona verde noutras zonas do Concello como os que se utilizaban do polígono para a construción do enlace sur da AP-9” e lamentou que “haxa quen pretenda embarrar o campo e dicir barbaridades cando é unha modificación que mellorará a calidade de vida de moitos veciños e veciñas”.

Un punto no que coincidiu o voceiro municipal do BNG, Xosé Pérez, quen indicou que “o arquitecto municipal di que na proposta está xustificado o interese público e o secretario reitera que o feito de que se faga a modificación non suspende a execución de ningunha sentenza” polo que lembrou que os concelleiros “actuamos en defensa dos intereses de todos os veciños e por iso votamos si, polo interese dos veciños do concello de Oroso”.

Sen embargo, tanto PP como Anova mantiveron o seu voto en contra manifestado en xullo de 2015. Nas súas dúas quendas de palabra, o voceiro do PP, Alexánder Doval, limitouse a asegurar: “esperaremos ao ditame da Xunta de Galicia”. Pola súa banda, o voceiro de Anova, Siverio Mirás, ratificouse na alegación desestimada nese mesmo pleno e acusou ao autor do proxecto de presentar un informe falso.

Conta xeral

O pleno municipal tamén aprobou, cos 7 votos a favor do Grupo de Goberno e os 6 votos en contra da oposición, a Conta Xeral de 2014. Os grupos da oposición basearon as súas críticas en que o alcalde asegurara que o Remanente Líquido de Tesourería para Gastos Xerais era de 48.404 euros, cando o Informe de Intervención dicía que era negativo. Manuel Mirás admitiu o erro: “o remanente líquido de Tesourería para gastos xerais é negativo, pero tamén é certo que temos un superávit de 471.216 euros”. O alcalde asegurou que “por moito que lean a parte que non é tan boa, as contas do Concello de Oroso están moi ben e así o poden comprobar se consultan co Ministerio de Facenda ou coa Deputación”.

Os tres partidos da oposición coincidiron en volver criticar a situación laboral do arquitecto e o PP solicitou que se sacasen máis servizos a concurso, como fontanería, xardinería ou alumeado para tratar de conseguir aforros económicos. Mirás lembroulle ao voceiro popular que o concurso de alumeado público xa está licitado e que o de fontanería sacouse a concurso e foi declarado deserto. Sobre a cuestión do arquitecto, asegurou que “é un tema recorrinte. Xubilarase e marchará a casa” e lembroulle a Doval que quen fixo o contrato que se pon en cuestión foi o goberno do PP.

Unanimidade no resto da sesión

O resto da sesión plenaria caracterizouse polo acordo unánime de todos os grupos municipais. Así, aprobouse que o inmoble que se destinaba a escola no núcleo rural de Igrexa (parroquia de Oroso) e a súa parcela sexan destinados a un uso sociocultural para dar así resposta ás demandas dos veciños de establecer aló un local de reunión e desenvolvemento de actividades socioculturais. Así mesmo, aprobouse a supresión da servidume de paso desta parcela e a afectación deste ben no inventario municipal, para destinalo a uso sociocultural. Nesta mesma orde de cousas, o pleno acordou unha actualización no Inventario, cambiando unha parcela que estaba inscrita como “terreo de depósito de augas” a parcela para actividades socioculturais.

O pleno acordou conceder unha bonificación do 95% da cota do imposto de construcións, instalacións e obras (ICIO) pola construción da nova escola infantil Chousa Nova de Oroso. Tamén se aprobou o deslinde dunha leira no lugar do Cachopal (San Mamede dos Ánxeles) e a rectificación anual do Inventario Municipal de Bens e Dereitos do Concello de Oroso para o exercicio 2015, que ascende a 7,85 millóns de euros. Por último, o pleno aprobou o regulamento de funcionamento e uso do punto limpo do Concello de Oroso, que entrará en funcionamento en breve, e os nomes de varias rúas: Chousa Nova, Cerceda, O Pino e Paralela Avenida de Compostela.

Mocións

A unanimidade mantívose na quenda de mocións, salvo na presentada polo PSOE para pedir a inclusión de forma inmediata da vacina da meninxite B no calendario de vacinas. Unha moción que foi aprobada cos 9 votos a favor de PSOE, BNG e Anova e coa abstención do PP. O PP xustificou a súa abstención en que “a incorporación a deben decidir os técnicos, non os políticos nin os pais”. Manuel Mirás indicou que “os médicos galegos queren a vacina” e lembrou que aos veciños “hai dúas cousas que se lle poñen difíciles. Primeiro, que hai que comprala e custa máis de cen euro. E segundo, que tes que ir a un pediatra particular porque no Sergas non a poñen. Cando menos, a Xunta podería autorizar aos sanitarios dos centros de saúde a poñer a vacina”.

PSOE e BNG aprobaron unha moción conxunta contra a violencia contra as mulleres para instar á Xunta de Galicia a incluír o termo “feminicidio” na lei de protección integral contra a violencia de xénero e a mellorar os servizos de atención ás vítimas. O PP aprobou tamén a súa moción sobre o tema, na que instaba a traballar no ámbito educativo como piar fundamental contra a violencia de xénero. O voceiro do PSOE, Antonio Leira, lembrou que “o Concello de Oroso xa está facendo todo isto e foi pioneiro neste tipo de actuación. Estamos comprometidos ao 100%”.

O BNG tamén viu aprobada a súa solicitude de que se promova o 2016 como o Ano das Irmandades da Fala e que o Concello de Oroso se comprometa á difusión da súa historia. Finalmente, o PP retirou a súa moción para pedir unha rebaixa de taxas xa que, como lle indicou o alcalde orosán, “está pedindo a modificación dunha ordenanza e iso non é posible cunha moción. Imos pedir un informe de Intervención e volveremos a traelo para o seu debate no pleno”.